José Ángel Cambados renova como adestrador de Amegrove

SALNÉS> Amegrove ven de comunicar que o seu adestrador, José Ángel Cambados, continuará un ano máis dirixindo ó equipo. Mantense así a aposta do club de Porto Meloxo por dar o salto de categoría á ACT da man dun home que xa lle deu tres títulos de Liga Galega.

Un ano máis. José Ángel Cambados, ‘Truco’, decide seguir outra temporada en Amegrove tras aceptar a oferta de renovación que lle presentou o club. Unha boa nova para os de Porto Meloxo que atan a un home que contribuíu de xeito decisivo na consecución dos tres títulos de Liga Galega que Amegrove logrou nos últimos anos de xeito consecutivo.

E é que Truco é importante dentro e fora da auga. Como remeiro gañouno todo con Castro e agora aporta o seu talento na proa grovense. Como adestrador fixo un bloque compensado e comprometido que cada ano amósase máis forte.

Xunto a el, tamén estará unha temporada máis Manuel Fandiño coma presidente. Nos últimos meses dábase por feita a súa marcha, pero o desenlance negativo do playoff de ascenso á ACT, semella que animouno a continuar unha temporada máis e acadar ese obxectivo. Tamén é bastante probable que continúe a maior parte do plantel que acadou o campionato este ano. Ademais, na base, Diego Portela substituirá a Miguel Devesa na dirección da canteira.

O certo é que despois de tres anos nos que se coronaron como os grandes dominadores do remo galego, co permiso de Tirán, a Amegrove non lle queda outra agora que dar o salto a un liga ACT onde debería estar dende hai tempo por dereito.

Redacción Salnés