O xuíz Vaquer dá un mes a Acolact para firmar a compra de Clesa

    autoacolact.jpg SALNÉS> O titular do Mercantil nº 6 de Madrid ratificou o auto de venda pero non exime á sociedade do pago da débeda coa Seguridade Social.

    O maxistrado do Xulgado do Mercantil número seis de Madrid, Francisco Javier Vaquer, vén de ratificar o auto de venda que emitira o pasado 15 de febreiro polo que autorizaba á sociedade Acolact a facerse coa planta de Clesa en Caldas. Un recurso presentado pola Tesourería da Seguridade Social no que reclamaba que a nova adquirinte se fixera cargo das débedas contraídas polos antigos propietarios freou o proceso. Agora, o maxistrado da un mes a Feiraco e os seus socios para que se pronuncien: ou ben fagan efectiva a compra da fábrica de Saiar ou se retiren do procedemento. Iso si, a diferenza do anterior auto no que eximía de ter que pagar calquera débeda á sociedade Acolact, agora, o maxistrado indica que se a entidade accede a comprar Clesa deberá asumir o ‘risco’ das posibles ‘responsabilidades derivadas’ das débedas coa Seguridade Social.

    No seu día, cando a Tesourería da Seguridade Social planteara o recurso, desde Acolact xa adiantaran que lles ía resultar moi complicado asumir estas débedas, deixando caer a posibilidade de retirarse do proceso. Desde o comité de empresa de Clesa aseguran que a resolución tomada polo xuíz Vaquer era a que agardaban e que agora só esperan que despois de todo o traballo feito e os recursos investidos pola sociedade Acolact, esta non se retire e formalice a compra. En conversas con Canal Rías Baixas, a presidenta do comité, Dolores Ramos, apuntou a que o pago da débeda coa Seguridade Social ‘non é inminente’, e que para seguir reclamándoa, o departamento pertencente ó Ministerio de Facenda deberá recorrer a outras instancias xudiciais.

    Redacción Salnés