O Sanxenxo non falla en Carballiño e mantense segundo

SALNÉS> Na Terceira, despois da derrota o xoves do Portonovo, o Vilalonga sacou onte un empate ante o Vilalbés, nun partido moi entretido. Na Preferente o Sanxenxo sigue soñando co ascenso tras gañar en Carballiño mentres que a parte baixa da clasficación aprétase aínda máis.

Suma e segue para o Vilalonga que onte completou un gran encontro ante o Vilalbés pese a non pasar do empate (0-0). Partido aberto o que se vivíu en San Pedro, con alternativas no xogo e ocasións de ambos lados. O empate sen goles non reflicte a ambición ofensiva dos dous equipos, que traballaron pola victoria.

Na Preferente Sur, dende a parte alta o Sanxenxo segue soñando co ascenso. Os de Calucho manteñen tres puntos de marxe sobre o terceiro clasificado, o Nigrán, logo de vencer ó Arenteiro. Tveron máis problemas dos agardados ante un rival xa descendido que non quería claudicar. De feito os dous goles chegaron no treito final do partido, por mediación de José Ángel, de penalti, e Diego Blanco. A semana que ven reciben ó líder Lalín coa intención de seguir achegándose á Terceira.

Pola parte baixa volveuse a apretar a clasificación e dende o Arosa (12º) ata o Marín (18ª) tan só hai catro puntos de diferencia. Precisamente os vilagarciáns caeron onte no Cortizo ante o Lalín, debido a un gol de Javi Ramos no inicio do segundo tempo. Os de Lino González mereceron mellor sorte nun partido no que expuxeron máis que o líder.

Importante eran tamén os tres puntos para o Cambados ante un rival directo como o Marín, pero máis importante era non perder. Os de Ángel Oliveira salvaron un punto na derradeira acción do partido cun tanto de Aarón, un gol que pode valer o seu peso en ouro ó final de temporada.

O Ribadumia puxo fin a súa mala xeira de resultados fóra da casa e non se deixou sorprender ante A Peroxa, á que goleou sen piedade na segunda metade (0-5). Berto en dúas ocasións, Cebreiro, Borja e Manu foron os autores dos goles que sacan ó equipo do descenso antes de recibir a semana que ven a un rival directo pola permanencia como o Porriño.

Redacción Salnés