As Torres de Catoira, gran dominador da Travesía da Toxa

GROVE> Na segunda regata da Copa Galega de Ríos e Travesías que se celebrou no Grove o gran protagonista, por enriba dos padexeiros, foi o mal tempo que acompañou á proba e que propiciou numerosas caídas. No aspecto deportivo, As Torres de Catoria volveu a amosar o seu dominio alzándose coa victoria por equipos.

Ás cinco da tarde cando se disputaba a primeira saída, a dos cadetes, na VIII Travesía da Toxa, nada facía presaxiar que o tempo se complicaría ata rematar sendo o protagonista da xornada. Nas finais xuvenís as caídas producíronse ao longo de todo o percorrido e os máis perxudicados resultaron ser os canoístas xa que o forte vento que se levantou embraveceu o mar e as canoas anegáronse con maior facilidade. Así as cousas, a organización veuse na obriga de reducir os percorridos para as categorías absolutas.

No estrictamente deportivo, a segunda regata da Copa Galega de Ríos e Travesías tivo en As Torres de Catoira ó seu gran dominador, alzándose co triunfo logo de sumar 1.342 puntos, 540 máis que o seu perseguidor, o Kayak Tudense, que empatou co club local, o Breogán do Grove. Na proba participaban 30 equipos e ademais dos citados, destacaron o séptimo posto do Náutico Pontecesures, o undécimo do Piragüismo Illa de Arousa, o Cambados foi 15º e o Liceo Casino de Vilagarcía 21º.

A nivel individual resaltaron as victorias de Brais Martínez e Rubén Gómez, no C-2 Xuvenil, categoría no que As Torres ocupou os tres postos do podium ó colocarse segundo Anxo Galbán e Imanol Pérez e terceiros Álex Conde e Pablo Cudilleiro. Ata Catoira fóronse tamén as pratas acadadas por Iria Laíño e Melany Egan en K-2 Xuvenil e María Pérez e Belén Pose no K-2 Senior, e o bronce de Jacobo Gómez e Borja Crespo en K-2 Cadete.

En canto ós deportistas locais, do Breogán do Grove, Laura García e Sara Bravo adxudicáronse a victoria no K-2 Cadete mentres que Bryan Fernández e Manuel García en C-2 Cadete e Sami Grigore e Alejo Filgueira en C-2 Sénior foron prata, e Otero e Rojo en K-2 Sénior e Natalia García e Tania Álvarez en K-2 Xuvenil colgáronse o bronce.

Redacción Salnés