Carlos Miguéns acada o segundo posto no trial de Carnota

SALNÉS> Carnota acolleu a celebración da cuarta proba do Campionato Galego de Trial. Ata alí desprazáronse os irmáns Miguéns, intengrantes do MotoClub Sqem de Vilagarcía. O mellor resultado acadouno Carlos en categoría junior, que finalizou segundo na proba.

Carlos Miguéns sigue dando pasos cara adiante e mellora día a día os seus resultados enriba da moto de trial. Proba diso son os últimos éxitos acadados, que avalan a traxectoria do xoven vilagarcíán. O piloto do Sqem é segundo na xeral do Campionato Galego logo de finalizar tamén en segunda posición na cuarta proba celebrada en Carnota.

Acompañados por unha boa climatoloxía, a carreira constou de dez zonas, tendo que realizar dúas voltas nun máximo de catro horas para completar todo o percorrido. Carlos Miguéns realizou unha boa carreira, moi regular, colocándose segundo xa dende a primeira volta e mantendo esa posición ata o final. Se ben quedouse ás portas da victoria debido a unha serie de erros nas últimas zonas, incluída unha caída a pouco do final que ocasionou diversos desperfectos na moto.

Non lle foron tan ben as cousas á súa irmá Verónica na que foi a súa primiera carreira da temporada. As molestias que aínda arrastra da súa recente operación no bazo, non lle permitiron facer unha boa carreira na categoría Senior B e quedou lonxe dos postos cabeceiros.

O Campionato Galego de Trial descansará ata o vindeiro 5 de xuño, día no que se trasladará ata Ponteareas. Tamén en xuño, pero o día 19, Carlos Miguéns probará sorte no Mundial de Trial, que se celebra na localidade leonesa de Pobladura de las Regueras.

Redacción Salnés