Adrián Vidal proclámase campión galego absoluto

CAMBADOS> Durante estes días o pavillón de Santo Tomé acolleu a celebración do Campionato Galego Absoluto. Pois ben, un xogador do club local, Adrián Vidal, acadou a victoria no cadro individual.

Adrián Vidal proclamouse campión galego absoluto en Cambados logo de realizar un excelente torneo dende o primeiro encontro ata o último. O xogador do Establecimientos Otero derrotou a tódolos seus rivais con autoridade e plantouse na final ante o coruñés Juan Enseñat ó que tamén venceu por 3-1 logo de dominar o partido de comezo a fin.

Non lle foron tan ben as cousas ós outros dous xogadores do conxunto cambadés que participaban no cadro individual. Tanto Fernando Padín como Jacobo Enseñat fixeron unha boa primeira fase de grupos pero non lles acompoñou a sorte nos cruces de oitavos de final onde foron eliminados ambos.

Paralelamente celebrouse a proba por equipos na que o Establecimientos Otero participou con Kazeem Ahmed, Adrián Vidal e Fernando Padín. Comezaron a competición impoñéndose con facilidade a Narón, Bembrive e Liceo Casino de Vilagarcía, todos eles por 3-0, pero nas semifinais caeron ante o Club del Mar da Coruña por 3-2. O seu verdugo, que milita na División de Honra, non tivo as cousas sinxelas ante os cambadeses que plantaron cara ata o final. Na loita polo bronce ante o Monteporreiro, perderon tamén por 3-2.

Sen dúbida en conxunto foi unha gran actuación dos xogadores locais que continúan a preparar, ó igual que o Liceo Casino de Vilagarcía, a fase de ascenso á División de Honra Nacional, que se disputará tamén en Cambados, a finais do presente mes de maio.

Redacción Salnés