Indignados por non poder aparcar ó carón da súa casa

    aparcamentoscarril copia.jpg VILAGARCÍA> Hai quince días que o concello prohibiu estacionar na Travesía do Carmen de Carril. Os dez veciños afectados xa se mobilizaron.

    {flowplayer}images/salnes/PROTESTA_APARCAMENTOS_CARRIL.flv{/flowplayer}

    Hai quince días que os residentes nesta rúa de Carril non poden aparcar o coche a carón da súa vivenda. Unha sinal instalada polo concello prohibe o estacionamento en toda a travesía do Carme. Segundo os veciños, a medida tomouse sen que o goberno municipal lles informase previamente. Agora, atopar un sitio no que deixar o seu vehículo cada día converteuse nunha tarefa complicada que está a xerar incluso conflitos cos residentes doutras rúas.

    En total son dez os veciños afectados por esta prohibición. Xa protestaron ante o concello presentando un escrito con 200 firmas do que non tiveron resposta. O mércores quedaran para reunirse coa concelleira de Urbanismo Tania García, e aseguran que non se presentou á xuntanza. Por iso decidiron tomar a iniciativa e manifestarse bloqueando ó tráfico a rúa.

    Segundo Chavea Otero, voceira da Asociación de Veciños de Carril, cada vez son menos os sitios dos que dispoñen para aparcar en Carril, un problema que se agudiza en verán coa chegada dos turistas. Piden ó concello unha solución seria, e non, como se lles planteou, deixar o coche en fincas privadas.

    A mobilización de onte foi un primeiro paso. Agardarán a obter algunha resposta do concello, do contrario, aseguran que seguirán coas reivindicacións.

    Redacción Salnés