SANXENXO> Un tatuador de Sanxenxo ofrece a mulleres que sufriron cancro de mama a reconstruír as aréolas ou a cubrir cicatrices con debuxos. Trátase dunha iniciativa totalmente de balde, coa que busca que as mulleres poidan recuperar a autoestima logo de pasar por esta doenza. Unha acción solidaria que sirve tamén de homenaxe á súa avoa, que faleceu de cancro de mama.
Diego leva máis dunha década traballando como tatuador profesional en distintas parte do mundo. Hai cousa dun ano abriu en Sanxenxo o seu estudo, dende onde impulsa unha iniciativa coa que el está profundamente implicado: axuda a mulleres que tiveron cancro de mama que se someteron a unha mastectomía a reconstruír as aréolas ou cubrir cicatrices con tatuaxes.
A iniciativa tena en marcha agora en Sanxenxo, pero parte dunha experiencia que tivo en Alemaña, onde fixo o primeiro traballo destas características.
Unha sensación que o levou a querer continuar por este camiño solidario. Di que é a súa contribución a que as mulleres que sufriron cancro de mama recuperen a súa autoestima.
Polo de agora, neste estudo xa pasaron dúas mulleres. El quere seguir ampliando esta iniciativa, polo que avanza que se vai seguir dándolle difusión á proposta.
E fai un chamamento a todas as mulleres que o precisen a que non dubiden en poñerse en contacto con el.
Un traballo que, cóntanos Diego, serve tamén de homenaxe á súa avoa, falecida de cancro de mama no 2003.











