A LGT desprázase mañá a Poio e o domingo a Vigo

SALNÉS> A Liga Galega de Traíñas volve á provincia de Pontevedra. A competición trasládase mañá a Poio e o domingo a Vigo. Amegrove tentará seguir facendo historia e sumar outras dúas victorias máis.

O Club de Remo Bueu organiza a IX Bandeira Concello de Poio que dará comezo mañá ás 17:30 da tarde. Como novidade, o campo de regatas estará dividido en catro carreiros polo que as dúas primeiras quendas serán lanzadas, saíndo primeiramente os tres peores da xeral e dous minutos despois os tres seguintes.

Na terceira quenda remarán Perillo, A Cabana e Mecos, xunto a Vilaxoán, que dadas as circunstancias, por primeira vez cáese da quenda de honra. Os de Gelo Tarrío tentarán recuperar as boas sensacións que perderon a fin de semana pasada ante o empuxe de Cabo e Meira. Mecos pola súa parte, quererá achegarse ós tempos de Vilaxoán e seguir deixando por detrás á Cabana e Perillo.

Na quenda de honra agárdase un pouco máis do mesmo. Salvo sorpresa maiúscula Amegrove aspira a facerse con dúas bandeiras máis e Chapela a seguir en segunda posición agardando algún posible erro dos de Porto Meloxo. Cabo e Meira pelexarán en principio polo terceiro posto.

Xa o domingo, a partires das 11:30 da mañá, o Club de Remo Coruxo organiza a súa regata, a XIX Bandeira Concello de Vigo. A saída tomarase baixo a ponte de Toralla e os participantes remarán sempre en paralelo á Praia de O Vao. A primeira boia estará situada aproximadamente a un kilómetro, moi cerca da praia de Samil, na que virarán de novo cara Toralla. En cada manga as traiñas pasarán duas veces baixo a ponte nunha regata moi vistosa para o público.

Redacción Salnés