![]()
SALNÉS> Os produtores da DO Rías Baixas afectados terán 15 días para presentar alegacións a partir da recepción das comunicacións.
151 viticultores e 15 adegueiros adscritos á Denominación de Orixe Rías Baixas comezarán a recibir nos vindeiros días as notificacións de apertura de expedientes por exceso de produción de uva na colleita do ano pasado. Acábao de anunciar a Consellería do Medio Rural. Os afectados terán 15 días a partir da recepción das notificacións para presentar as alegacións que estimen oportunas.
Desde a Xunta lembran que, ó igual que fixeron cos expediente da colleita do 2009, o goberno autonómico está capacitado para rebaixar a contía das multas tendo en conta o volume de produción e sempre que non concorra ningún agravante. Aínda así advirten de que se nesta vindeira vendima os viticultores volven pasar os topes establecidos polo Consello Regulador, o Executivo galego non poderá aplicar estas atenuantes, xa que a mesma Lei considera agravante a comisión reiterada dunha infracción da mesma natureza.
Segundo esta norma, a contía das multas oscila entre os 2.001 e os 30.000 euros.
Redacción Salnés








