Sanxenxo e Vilalonga debutan con sendos empates

SALNÉS> Onte arrancou o futbol. Comezamos falando pola Terceira onde Sanxenxo e Vilalonga acadaron sendos empates no seu debut. Os celestes sumaron un punto na súa visita á Malata mentres que os de Calucho foron quen de igualar ante o Areas na súa estrea na categoría.

{flowplayer}images/salnes/terceira_290811.flv{/flowplayer} 

Meritorio empate do Sanxenxo ante o Cultural Areas na súa volta á Terceira División. Os de Calucho amosáronse dubitativos nos primeiros compases do encontro, culpa dos nervos do debut nesta categoría. Por iso os primeiros 45 minutos foron de dominio visitante. Os de Serapio Lama souberon atacar a defensa de cinco platexada polo técnico local e atoparon espazos ás costas dos laterais. O gol sen embargo chegaría nunha xogada a balón parado e onde a fortuna non sorríu ós locais. Sacou Fonseca e o coiro golpeu en varias cabezas ata introducirse na portería defendida por Vladi. Corría o minuto 40.

No segundo tempo o Sanxenxo mellorou e dominou por completo o xogo, dispoñendo das opcións de gol mentres que o Areas optou por defender a súa renta. A igualada chegou mediado o segundo tempo. Diego Blanco demostrou unha vez máis a súa calidade; baixou o balón coa dereita, recurtou e coa esquerda superou a saída de Vitas. Con 1-1 as mellores opcións foron para o Areas, que demostrou maior poderío físico, sen embargo o marcador xa non se movería.

Como tampouco se moveu na Malata entre Racing de Ferrol e Vilalonga. Meritorio empate dos de Gabi Leis (0-0) nun dos campos máis difíciles da categoría. Despois dunha primeira parte máis equilibrada, na que ningún dos dous equipos dominou, na segunda, o meta Roberto Pazos erexíuse como o heroe dos visitantes tras realizar numerosas intervencións que impediron o tanto local. Bo inicio do Vilalonga que a semana que ven xogará na casa ante o Vilalbés.

Redacción Salnés