Fole cita ós Patróns de Fexdega para definir a xestión da Fundación

    xuntalocalvilagarcia copia.jpg VILAGARCÍA> A xuntanza terá lugar esta semana. O rexedor Tomás Fole pretende alixeirar os trámites para poder dar uso canto antes ó recinto.

    Perfilar os novos estatutos polos que se guiará a xestión da Fundación Fexdega e definir cal será o grao de colaboración de cada unha das entidades que forme parte do Padroado. Estes son os asuntos que se tratarán na reunión que vén de convocar o alcalde vilagarciá Tomás Fole, e á que están citados os patróns da entidade. Terá lugar esta semana, aínda queda por coñecer o día.

    A decisión de convocar esta xuntanza xorde do interese do rexedor por reabrir canto antes o recinto da Maroma e comezar a darlle os usos que proxectou para el na súa campaña electora: a programación de feiras combinada co uso deportivo do espazo mentres o recinto non estea ocupado con eventos sectoriais. ‘O que temos que facer –apunta Fole- é deixarnos de palabrería e polémicas estériles e centrarnos no verdadeiramente omportante, que é poñer a andar de novo Fexdega. E para iso é preciso definir xa o novo modelo de xestión’.

    A folla de ruta será polo tanto entrevistarse primeiramente cos responsables da Consellería de Industria, a Cámara de Comercio e Novacaixagalicia coa fin de perfilar o borrador dos novos Estatutos da Fundación. Unha vez fixado este documento, o alcalde pasaría a citar ós grupos políticos con representación na corporación para que estes o valoren e presenten as súas propostas ou correccións ó borrador e ó modelo de xestión. Por último, Tomás Fole reunirase cos representantes das entidades que manifestaron o seu interese por entrar no Padroado. O obxectivo deste encontro será coñecer como e en que grao pretenden participar neste órgano.

    Redacción Salnés