Olimpio Piñeiro e Víctor Fernández, Cebolas de Ouro 2011

    cebolasourocorto100.jpg SANXENXO> O histórico fotógrafo do municipio e o adestrador de fútbol foron os galardoados este ano dentro da XXIX Feira da Cebola.

    {flowplayer}images/salnes/FEIRA_CEBOLA_2011.flv{/flowplayer}

    A media mañá, o recinto do Porto Deportivo de Sanxenxo era xa un fervedoiro de veciños, turistas e curiosos que se achegaron ata a explanada para gozar da mañá de sol e pasear polas 60 casetas que este ano participaron na Feira da Cebolo. Pouco tiña que envexar este mercadiño ó que se celebraba hai un século neste mesmo espazo, ata onde os homes e mulleres do campo se achegaban para vender os produtos que cultivaran durante todo o ano. Agora, cada 4 de setembro, polo día de Santa Rosalía, réndese homenaxe a eses traballadores coa celebración desta festa, unha ocasión na que tamén se aproveita para recoñecer a labor doutros personaxes destacados pola súa traxectoria ou aportación á vila. É a cara institucional dos festexos: a entrega das Cebolas de Ouro. O primeiro en recoller este ano a distinción foi Víctor Fernández, por ser un dos mellores embaixadores de Sanxenxo aló por onde vai.

    Fernández é adestrador de fútbol. Naceu en Zaragoza e adoita veranear en Sanxenxo. Entre os equipos polos que pasou salientan o Real Zaragoza, o Celta de Vigo, co que conseguiu o seu primeiro título internacional, a Intertoto da UEFA no ano 2000, ou no 2010 o Betis. A outra Cebola de Ouro tivo un carácter máis emotivo: foi entregada a título póstumo ó histórico fotógrafo do municpio José Olimpio Piñeiro. Faleceu en maio do ano pasado, e no seu nome recolleron o premio dous dos seus fillos: Alfonso e Maribel.

    Como parte deste acto procedeuse tamén á entrega dos premios á cebola máis grande, a ristra máis longa e á composición artística máis destacada. Manuela Gómez fíxose cos 300 euros de premio da cebola de maior tamaño, cun exemplar de quilo e medio de peso. Na modalidade de ristra máis longa concorreron dúas, e en primeiro lugar quedou Yudite Dos Reis, por esta ringleira de cebolas de 245,70 metros. A obra ‘O Piorno’, de María Ángeles Cacabelos, logrou o primeiro posto na categoría de composición artística, mentres que Encarnación Cacabelos quedou por detrás coa figura ‘Xantando na mesa’.

    Redacción Salnés