A depuradora de Ribeira centra o investimento para Barbanza

    investimentosbarbanza100.jpgBARBANZA> Os orzamentos autonómicos para o 2012 prevén un investimento de vinte e nove millóns de euros para a comarca do Barbanza.

    {flowplayer}barbanza/investimentosbarbanza.flv{/flowplayer}

    Aínda que o proxecto de orzamentos para o próximo exercicio, cunha capacidade de gasto de máis de nove mil millóns de euros, supón recortes a nivel global, os investimentos previstos para a comarca do Barbanza aumentan con respecto ó 2011.

    O proxecto estrela, cunha consignación de 21’6 millóns de euros, é a depuradora de Ribeira, á espera de coñecer a súa ubicación definitiva que será anunciada a próxima semana polo Conselleiro de Medio Ambiente. Destaca tamén a partida de 3’3 millóns para a mellora da estrada entre Oleiros e Corrubedo, en Ribeira.

    Muros – Noia

    Na comarca de Muros-Noia, as infraestruturas viarias seguen a ocupar unha boa parte do capítulo de inversións con dez millóns de euros para a continuación da variante de Noia e unha partida dun millón para a conexión do corredor Brión-Noia en Sampaio así como os tres millóns para o acondicionamento da Ac-550 ó seu paso por Muros. 

    ‘Discriminación’

    {flowplayer}barbanza/bngorzamentos.flv{/flowplayer}

    Dende o BNG valoraron negativamente este proxecto orzamentario que, din, vén consolidar a política de recortes do goberno popular. Con respecto á comarca do Barbanza consideran que un ano máis volve ser vítima dunha total discriminación.

    Critican especialmente os nacionalistas a falla dunha partida para a execución do polígono comarcal que contribuiría á creación de emprego nun momento no que é tan necesario a dinamización económica. Tamén botan en falta as actuacións encamiñadas a ampliar a oferta educativa e de servizos sociais e con respecto á sanidade denuncian que o do Barbanza é o único hospital de Galicia que non recibe fondos para mellorar a calidade asistencial.

    Con respecto ó proxecto da EDAR de Ribeira, o BNG denuncia que non figura no apartado de investimentos senón no de actuacións polo que, tal e como anunciara no seu día o goberno da Xunta, construírase a través do réxime de concesión a unha empresa privada que é a que realmente asumirá a inversión.

    Consideran que este modelo, tal e como advertiu o consello de contas nun informe, tan só contribúe a incrementar a débeda oculta da administración que deberá pagar un canon á concesionaria a longo prazo hipotecando os futuros orzamentos autonómicos.

    Redacción Barbanza