Saneamento e obras viarias centran o investimento da Xunta no Salnés

    orzamentos.jpg SALNÉS> Os orzamentos autonómicos para 2012 deixarán 47,5 millóns de euros na comarca. O hospital do Salnés é un dos peor parados.

    Saneamento e Infraestruturas viarias. Este é o resumo das partidas que a Xunta destinará ó Salnés no 2012. A consellería de Medio Ambiente desembolsará máis da metade dos 47 millóns e medio de euros que o goberno galego ten orzamentados para esta comarca. As obras das estacións depuradoras de Ribadumia e O Grove así como a explotación da de Cambados levarán algo máis de seis millóns de euros, ós que hai que sumar os traballos de saneamento das marxes esquerda e dereita da ría de Arousa. En total uns 17 millóns de euros.

    A outra gran partida destes orzamentos vai para a continuación das obras do macronó de Curro e a construción da autovía entre Pontevedra e Vilagarcía. A contía consignadas no presuposto do ano que vén aumenta en case dous millóns de euros para o enlace, ó que se destina 9,6 millóns no 2012, e inclúense algo máis de 13 para a conversión da estrada que une a capital arousá coa provincial en autovía, a través da Sociedade Pública de Investimentos.

    Pero a gran prexudicada nestas contas é a Sanidade. Parece que a demandada ampliación do Hospital do Salnés vai ter que seguir agardando, pois os orzamentos só contemplan unha partida de 350 mil euros e son para o Plan Director do centro. Nin rastro do centro de saúde da Illa. Tampouco a educación sae moi ben parada. As dúas únicas partidas van para o novo colexio de infantil de Vilalonga, en Sanxenxo, e a reforma do Rosalía de Castro no Grove.

    De tódolos concellos da Comarca Cambados é o que sae mellor parado, aglutinando algo máis de dous millóns de euros dos orzamentos. Aquí destacan os investimentos da consellería do Mar, que prevé a construción da nave multiusos da confraría e a instalación das comportas no Saco de Fefiñans. No eido deportivo destinaranse 317 mil euros para o cambio da cuberta da piscina municipal e Traballo investirá 350 no Centro de Día.

    Divulgación patrimonial, a promoción de ensinanzas náutico-pesqueiras, investigación no Igafa ou plans para a conservación da biodiversidade completan os investimentos da Xunta na comarca.

    Redacción Salnés