Vero Boquete, heroína sen capa da rapazada da Illa de Arousa

AILLA> O alumnado do CEIP Torre da Illa gozou hoxe da visita da súa heroína sen capa, Vero Boquete. Os pequenos escolleron á futbolista santiaguesa como exemplo de igualdade e superación nun proxecto do centro. A xogadora compartiu a súa experiencia para ensinar aos nenos e nenas que todos poden chegar a onde queiran.

A futbolista Vero Boquete, que actualmente milita no Utah Royals da primeira división feminina estadounidense, visitou esta mañá ao alumnado do CEIP Torre da Illa. A visita da xogadora internacional estivo enfocada a concienciar aos máis pequenos na igualdade no deporte.

Precisamente foron os propios alumnos os que escolleron a Vero Boquete como a súa heroína sen capa nun proxecto do centro.

Á visita acudiu todo o alumnado do CEIP Torre da Illa. A xogadora explicou aos máis pequenos a súa experiencia profesional e os retos que tivo que superar para chegar a ser unha futbolista profesional. A visita estivo enfocada a concienciar aos nenos e nenas sobre a igualdade no deporte.

O alumnado mostrou a súa ilusión por poder coñecer a unha futbolista de elite.

Para Vero Boquete a ilusión mostrada polos nenos e nenas por coñecela é un paso máis de cara a igualdade no fútbol.

A pesar destes avances aínda queda moito para igualdade do deporte feminino. A futbolista galega considera que educar en igualdade nas aulas, na casa e nos clubes é o camiño para mudar mentalidades.