SALNÉS> Como xa vai sendo costume a boa nova deixounola o Establecimientos Otero de Cambados, que venceu na Coruña, e a mala o Liceo Casino de Vilagarcía que perdeu os tres partidos que disputou en Cataluña.
Non pintan ben as cousas para o Liceo Casino que cada vez ten máis lonxe a permanencia. Os vilagarciáns son últimos na táboa despois de ter completado a primeira volta e están xa a tres triunfos da permanencia, logo de gañar un único partido dos once que disputaron.
O Liceo afrontaba nesta xornada un triple desprazamento a terras catalanas no que contaba canda menos con traerse unha victoria, ante un rival directo como o Borges, pero a derrota de Sergey Nigeruk no primeiro encontro decantou a balanza do lado do rival, que acabou levándose o triunfo por 4-2. O mesmo resultado negativo obtiveron da súa visita ó Mataró, o líder da competición, mentres que contra o Tramuntana Figueres colleitaron un duro 5 a 1 que deixa ós xogadores coa moral moi tocada de cara á segunda volta.
Todo o contrario que o Establecimientos Otero que remata o primeiro treito da liga en posición de fase de ascenso. Os cambadeses son terceiros logo de sacar adiante un partido complicado, a domicilio, ante o Club del Mar da Coruña. Pese á derrota de Fernando Padín, as victorias de Ahmed e a de Adrián Vidal colocaron ós de Santo Tomé cun favorable 3-1 de partida. Sen embargo, reaccionou o Club del Mar que foi quen de levar o encontro ata o decisivo punto de dobres onde Ahmed e Vidal non erraron e leváronse o triunfo parcial por 0-3 sumando así o 3-4 no global definitivo.
A liga para agora ata o 14 de xaneiro día no que o Liceo Casino visitará a pista do Monteporreiro mentres que o Establecimientos Otero recibirá precisamente ó Club del Mar.
Redacción Salnés