O SALNÉS> Daniel é un veciño de Vilagarcía que leva máis dun ano loitando para que o seu pai teña unhas condicións de vida dignas despois de sufrir unha neglixencia médica. Ingresou no Montecelo por unha pancreatite e alí administráronlle metamizol, un medicamento ao que é alérxico tal como figuraba no seu historial. Sufriu unha parada cardiorrespiratoria e quedou en coma. As consecuencias foron tremendas: dano cerebral con deterioro cognitivo e tetraparesia. Agora a súa familia enfróntase a unha batalla co seguro ao que reclaman 1,5 millóns de euros.
O 15 de xullo de 2024 marcará para sempre a vida de Agapito e o seu fillo Daniel.
Ese día, con tan só 48 anos, o pai de Daniel foi vítima dunha neglixencia médica logo de ingresar no Montecelo, derivado do Salnés, por unha pancreatite.
As consecuencias foron devastadoras.
Danos irreversibles que se traducen nunha discapacidade do 100%.
Os informes do Sergas recoñecen o acontecido. No historial médico da vítima xa constaba esa alerxia porque xa tivera dúas reaccións previas noutros dous hospitais galegos nos que estivera ingresado.
Ademais de ter que lidiar con esta dura situación, a familia enfróntase a unha batalla co seguro ao que reclaman 1,5 millóns de euros, cantidade precisa para darlle unha vida digna a Agapito.
Unha redución drástica da indemnización porque baixan a súa esperanza de vida a cinco anos.
Nestes momentos o pai de Daniel está nunha residencia en Vigo, o que se traduce nun gran esforzo económico para a familia.
Para facerlle fronte a todos os gastos, Daniel mesmo recorreu a vendas solidarias e crowdfundings.











