Daniel Castro, un mozo meisino de 20 anos, daralle vida a Xesús na Semana Santa de Paradela

MEIS>  A Semana Santa de Paradela, en Meis, volve á súa esencia. Ducias de veciños estarán implicados nas diferentes escenas que recrearán ao vivo a paixón, morte e resurrección de Xesús.  As representacións terán lugar con escenificacións o Domingo de Ramos, o Xoves e Venres Santo e o Domingo de Pascua.  Este ano, unha das grandes novidades é o novo Xesús Cristo. Finalmente, daralle vida un veciño do propio concello de tan só 20 anos.

A Semana Santa de Paradela, en Meis, afronta a edición deste ano con cambios importantes. O máis evidente: a persoa que representará a Xesús Cristo durante as representacións ao vivo. Un papel que asumirá Daniel Catro, veciño do municipio de tan só 20 anos, pero que leva dende neno colaborando. El collerá o testemuño de Marcos Roma, que interpretou a Cristo entre 2014 e 2023.

Tamén renovación na dirección das escenas, que pasa de Fátima Rey a Fernando Oubiña. Hai tamén un cambio na programación, prescindindo da escena das Vodas de Caná, representada unicamente o ano pasado. A todo isto hai que engadi-la implicación de practicamente toda a veciñanza da zona, para sacar adiante tódolos actos. 

O concello de Meis financia tódolos actos dun evento declarado de interese turístico galego. A alcaldesa fai un chamamento aos milleiros de persoas que adoitan acudir á cita a que participen este ano.

Nas representacións ao vivo participarán ao redor dun cento de persoas. O domingo de Ramos farán a escenificación da entrada triunfal de Xesús en Xerusalén. O Xoves Santo recrearán a última cea e o Venres Santo, as derradeiras horas de vida de Xesús. A derradeira escenificación celebrarase o domingo de Pascua, coa resurrección de Xesús.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí