Oubiña sae absolto no primeiro dos xuízos por branqueo

    OUBINASAECARCERE.jpg SALNÉS> A Audiencia Nacional invalidou as escoitas telefónicas nas que a Fiscalía baseaba a súa acusación contra o narcotraficante arousán.

    O narco arousán Laureano Oubiña acaba de superar o primeiro dos procedementos xudiciais por branqueo ós que se someteu este mes. A Fiscalía culpábao, xunto a outros tres imputados, de dirixir desde a cadea un entramado para lavar 4,5 millóns de euros procedentes do narcotráfico. A principal proba na que se sustentaba esta acusación eran unhas chamadas telefónicas que Oubiña tería realizado desde prisión cun teléfono móbil para dar as instrucións pertinentes ós seus compinches: a italiana Tiziana Cardarelli, a que era a súa compañeira sentimental, o construtor Amancio Costa e o seu curmán José Piñeiro Nogueira.

    Trala celebración do xuízo e á vista dos argumentos presentados polas partes, os maxistrados da Audiencia decidiron absolver a Oubiña e Cardarelli por considerar que tanto a investigación policial como xudicial realizada neste asunto contén erros, e que nela se vulneraron algúns dereitos fundamentais dos acusados. De aí que os xuíces invalidaran as chamadas telefónicas dando así ó traste co principal argumento da acusación e respaldando os argumentos da defensa de Oubiña.

    Deste xeito o arousán líbrase dos oito anos de cadea que solicitaba para el o Ministerio Público e o pago de trece millóns de euros de multa. Dos outros tres imputados, Tiziana Cardarelli quedou tamén libre dos cargos mentres que Amancio Costa está pendente de someterse ó xuízo por separado ó ser apartado do procedemento por atravesar unha depresión. O único que cumprirá un ano e nove meses de cadea por este procedemento será o curmán de Oubiña, José Piñeiro Lago. Foi o único que confesou ante os xuíces ter branqueado cartos baixo as ordes de Oubiña. Deberá asumir tam´n a terceira parte das costas xudiciais e trinta mil euros de multa.

    Solicitan o recurso da Fiscalía

    Mediante comunicado, a Fundación Galega contra o Narcotráfico xa manifestou o ser absoluto desacordo con esta sentencia. Din que a respectan, pero tamén agardan que a Fiscalía a recorra e solicitan que se regule ‘de forma axeitada’ as denominadas escoitas telefónicas e a intervención das comunicación ‘para que deixen de beneficiar -din- a quen máis dano fan á sociedade: narcotraficantes e terroristas’.

    Redacción Salnés