VILAGARCÍA> O presidente da Agrupación de Parquistas di que se trata dun novo ataque na campaña que manteñen contra el e o titular do Pósito por mor do furtivismo.
A mensaxe publicada en Facebook, acusa ó presidente da agrupación de Parquistas, José Luis Villanueva, de ter aumentado ilegalmente as súas zonas de cultivo no parque Nacional da Illa de Cortegada empregando dinamita e unha escavadora, feito polo que, segundo a denuncia, tería sido sancionado cunha multa de vinte mil euros. O asinante da mensaxe, que figura co nome de Xoan Salvador Ribadomar, asegura tamén que Villanueva é responsable de destruír un banco natural de marisco para sacar area del e traspasala a outro dos seus parques para logo vendelo, mentres que Confraría e consellería do Mar, di este denunciante, miran para outro lado. Por último, culpan ó presidente da agrupación de ser o responsable de que corenta parquistas non poidan traballar por mor das súas denuncias falsas.
En declaracións a Canal Rías Baixas, Villanueva desmentiu todas estas acusacións e asegurou que se trata dun acto máis dentro da persecución que vén sufrindo nos últimos tempos tanto el coma o presidente da Confraría. Recoñece que ten unha multa de vinte mil euros, que está en fase de alegación, pero que é por retirar dúas pedras dun viveiro que adquiriu e que se atopaban en moi mal estado. Para a retirade desas pedras e o traslado de area asegura que pediu os permisos pertinentes, incluso ante Costas, polo que todas as actividades que realizou se atopan ‘dentro da legalidade’. Villanueva asegura saber quen está detrás de toda esta campaña de desprestixio, campaña que tería como fin xustificar unha actividade furtiva. De Ribadomar di que actúa empurrado por terceiras persoas e puntualiza que nin a Agrupación nin a Confraría ‘se meten cos furtivos’. ‘Iso é algo –di Villanueva- que lle corresponde á administración’, e puntualiza que eles sempre defenderon que se debe atopar a fórmula para que estas persoas poidan traballar legalmente. Pero insiste, ‘iso é traballo da consellería do Mar’.
Redacción Salnés