O mestre internacional David Lariño vence no Open VitalDent

VILAGARCÍA> Durante estes días celebrouse o I Open Intercup VitalDent Vilagarcía, un torneo encadrado dentro do memorial XX Adolfo Pedrido. A competición desenvolveuse nas instlacións do Liceo Casino onde resultou vencedor o mestre internacional David Lariño.

Cartel de luxo do que dispuxo o I Open Intercup VitalDent Vilagarcía. Nel participaron case 120 xogadores, dos cales máis da metade contan con ranking internacional e unha ducia deles están titulados como mestres internacionais.

Despois das nove roldas coas que contou o torneo, disputadas entre o sábado e o domingo, o título de campión foi a parar a mans do campión de España e mestre internacional David Lariño, que acadou oito puntos de nove posibles e que con este triunfo asegúrase o seu ascenso a Gran Mestre. Lariño estivo flanqueado no podium por dous cubanos, tamén mestres internacionais, Alexey Fernández e José Ángel Guerra. De destacar foi tamén o quinto posto acadado polo xadrecista local Julio Torrado que demostrou a súa calidade colándose entre os mellores na clasificación xeral final.

No resto e categorías os vencedores foron os seguintes: en sub 2.200, Alberto Portela Peleteiro, en sub 2.000 Jorge Iglesias García, e en sub 1.800 Miguel Rodríguez Domínguez. A campiona femenina foi a local Andrea Dorado mentres que nos veteranos venceu Pablo Gómez Segade do Club Gallaecia de Santiago.

A categoría infantil tivo como vencedor ó pontevedrés Alonso López Carballal, nos alevíns gañou o ourensán Gabriel Roma Barge mentres que nos benxamíns dominaron os xóvenes do Fontecarmoa Angela Rodríiguez Ferreirós e Miguel Bayón.

Desde o Liceo Casino, Fundación de Deportes Municipal e Club Xadrez Fontecarmoa, trabállase xa na consolidación desta proba como unha das máis importantes dentro do calendario autonómico.

Redacción Salnés