VILANOVA> A subdelegación do goberno en Pontevedra proponelle a Vilanova a súa reincorporación ao sistema VioXén, para que a Policía Local poida colaborar na protección das vítimas de violencia de xénero. Unha proposta que o concello considerará cando haxa suficiente dispoñibilidade de axentes municipais.
Un asunto que se tratou na xunta local de seguridade, copresidida polo subdelegado en Pontevedra, Abel Losada, e o alcalde vilanovés, Gonzalo Durán.
Nese encontro, ambos tamén valoraron moi positivamente a colaboración na cesión do local para a atención directa da Garda Civil. Destacaron o bo funcionamento do punto de atención cidadá, onde 14 axentes da Garda Civil prestan servizo desde hai dous anos.
Tamén se estudou a posibilidade de ampliar as instalacións e ofrecer prazas de garaxe ao corpo.
Na xuntanza, tamén se destacou a evolución positiva das cifras de criminalidade en Vilanova de Arousa, cunha baixada do 12% no número de infraccións penais o ano pasado, e un descenso adicional do 12% ata finais de maio de 2024. Con 40 delitos por cada mil habitantes, Vilanova é agora un concello moi seguro, por debaixo da media española de 51 delitos por mil habitantes.











