Preocupación na ría de Arousa por unha vertedura contaminante ao mar

A ILLA> Preocupación na ría de Arousa por unha vertedura contaminante ao mar. Todo apunta a que se trata de sosa solidificada. Hai praias da Illa, Vilagarcía e Vilanova que se están vendo afectadas. No municipio insular a Confraría teme que esta substancia poida  acabar afectando ao marisco. Piden ás autoridades que actúen axiña e o retiren canto antes para evitar males maiores.

A simple vista todo parece estar ben, ao ampliar un pouco a imaxe, obsérvanse multitude de galletas como estas. Son os restos dunha vertedura á Ría de Arousa que está a xerar moita preocupación. O problema afecta a Vilagarcía, Vilanova e tamén á Illa. Foron localizados por un turista nesta praia da Canteira, ao carón da ponte.

Estes restos poderían ser de sosa solidificada pero, polo de agora non se sabe nada da súa procedencia. Agora mesmo non supón un problema para esta zona de marisqueo, porque non se desfai coa auga. Si podería contaminar se se desfai, por exemplo, ao pasear polo areal. Algo que preocupa na confraría e máis tendo en conta que estamos ás portas dos festivos da Semana Santa.

Na Confraría mesmo estarían dispostos a recollelo coas súas mans, pero nese caso toparíanse co problema de non ter medios para xestionar este tipo de residuos. Urxen ao Concello e o Seprona a tomar medidas xa.

Desa limpeza podería depende-la supervivencia das ameixas, navallas e longueiróns que se agochan baixo esta praia da Canteira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí