Continúan os rexistros da Policía nunha depuradora do Chazo

     BOIRO> O operativo contra a comercialización ilegal de marisco iniciábase onte co descubrimento dunha presunta depuradora clandestina nos baixos dunha vivenda en Esteiro.

    {flowplayer}barbanza/depuradorailegalvivendaboiro.flv{/flowplayer}

    Na vivenda os axentes atoparon ata tres piscinas industriais en produción nas que ó parecer se depuraba marisco de xeito ilegal, ó non posuír os seus propietarios ningún tipo de documentación que amparase a dita actividade. No momento do rexistro nos baixos da vivenda había preto duns 200 quilos de marisco, na súa maioría ameixa babosa, así como tamén berberecho, ameixa xapónica e ameixa fina, de tamaño moito del de talla antiregulamentaria. Tomáronse mostras do marisco requisado que foi trasladado ó Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, para o seu estudo e análise, e para intentar coñecer a súa procedencia.

    Novos rexistros

    Tamén na xornada de onte e durante a mañá de hoxe axentes da Policía Autonómica e do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da consellería do Medio Rural e do Mar, realizaron tamén diversos rexistros nunha depuradora de marisco existente na zona do Chazo na parroquia boirense de Cabo de Cruz. Alí, os propietarios da vivenda rexistrada dispoñían dun depósito alugado no que se detectaron máis de mil quilos de moluscos bivalvos cuxa orixe era, ó parecer, portuguesa, polo que se decidiu tamén tomar unha mostra para que fora analizada no Intecmar.

    Varios delitos

    Os propietarios da vivenda rexistrada enfróntanse a dous tipos de delito, un de carácter medioambiental e outro contra a saúde pública, pois ó parecer o marisco existente nos tanques era tratado con auga da traída, á que se lle botaba sal e tamén cloro.

    Maiores controis

    Con este dispositivo efectuado, xunto con outros tipos de controis, o que queda claro é o gran esforzo que se está a realizar dende a consellería do Mar para rematar co furtivismo e as canles de comercialización e distribución de marisco ilegal. O operativo continúa aberto e non se descartan novos rexistros.

    Redacción Barbanza