A variante noiesa entrará en funcionamento no verán

    NOIA> Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, durante unha visita ás obras do viaduto que cruza a Ría de Muros-Noia.

    ‘Un feito histórico que marcará un antes e un despois na historia da comarca de Muros Noia’. Con estas palabras iniciaba a súa intervención o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, na súa visita ás obras do viaduto que une a Barquiña co porto de Testal, de preto de dous quilómetros de lonxitude, e que forma parte do trazado de construción da variante noiesa. O titular autonómico tivo tempo de comprobar ‘in situ’ a marcha dos traballos desta importante infraestrutura, xa executada nun 80%, cun custe de 20 millóns de euros dun total de 40 que custará toda a variante, asegurando que estará rematada no verán de 2014. O presidente da Xunta sinalou que se trata dunha actuación moi necesaria, que mellorará as comunicacións da zona, beneficiando a máis de 150.000 persoas, e reducindo os tempos nun 71 por cento. É, segundo el, un exemplo máis do compromiso da Xunta coa comarca noiesa, máxime nunha época coma a actual, en plena crise económica. Segundo el, a actuación é un claro exemplo do compromiso do actual Goberno Galego con esta comarca na que nos últimos anos se teñen investido preto de 250 millóns de euros, con obras como a vía de alta capacidade entre Santiago e Noia, a variante de Outes ou a propia variante noiesa. O mandatario autonómico tamén se referiu na súa intervención ó aspecto patrimonial, ambiental e socioeconómico desta obra. Así sinalou a blindaxe dos achados arqueolóxicos e as estritas medidas de control ambiental para minimizar o impacto das obras nas augas e na biodiversidade, ademais das medidas compensatorias para tentar paliar o dano económico para os mariscadores da zona por valor de preto de medio millóns de euros. Redacción Barbanza {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/04/feijoovisitaobrasvariantenoia041013.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/04/feijoovisitaobrasvariantenoia041013.mp4{/flowplayer}

    Comments are closed.