BOIRO> Deporte e solidariedade volverán a ir da man en Boiro coa segunda edición da carreira/andaina Jealsa Solidaria.
A cita, que terá lugar o domingo 4 de setembro, está organizada pola Asociación Barbantia Roda.
A carreira arrancará ás once da mañá dende a Cachada. Terá un percorrido similar á da primeira edición, cunha distancia de dez quilómetros. A andaina sairá unha hora antes.
Nesta ocasión tódolos fondos que se recaden na proba irán destinados á Fundación Stop Leucemia contra o Cancro Hematolóxico. Por esta razón dende Jealsa fan un chamamento á participación.
Dende a Fundación Stop Leucemia agradeceron a colaboración, que permitirá poder seguir investigando contra esta enfermidade.
As inscricións poderán realizarse ata o venres 2 de setembro a través da páxina web de emesports. O prezo da inscrición será de dez euros. Tamén existe a posibilidade de colaborar na iniciativa a través do dorsal 0.