Renacer organizará en xuño un curso de mediadores en drogas

    RIBEIRA> A iniciativa xorde co obxectivo de promover estilos de vida saudables e está dirixida a mozos involucrados en actividades sociais e culturais. A asociación Renacer de Ribeira, continuando na liña do seu programa “Educación para a saúde”, ten previsto desenvolver un curso de mediadores xuvenís en prevención de drogodependencias. Está orientado a persoas que se sitúen entre os 18 e 29 anos, interesados en traballar no eido das drogas. O obxectivo deste curso é promover a vida saudable entre os mozos e mozas de Ribeira e conciencialos dos problemas sociosanitarios que acompañan ás drogas. Para formar a estes futuros mediadores, hai plantexado un programa de 30 horas con contido teórico-práctico. Desde Renacer consideran que este curso é idóneo para aqueles que posúan o de monitor de tempo libre, pero tampouco é estritamente necesario. O prazo de inscrición xa está aberto. Os interesados poden dirixirse a Renacer Ribeira, ben por correo electrónico, teléfono ou no local da entidade. Teñen máis información na súa web www.asociación–renacer.com.