O PP noiés presenta un total de 26 alegacións ós orzamentos

    NOIA> A través destas alegacións pretenden que o equipo de goberno corrixa as eivas que presenta o documento orzamentario. Como xa fixera no debate plenario, na aprobación inicial dos presupostos, o voceiro do PP noiés, Xulio Bustelo, volveu a criticar a falla de medidas nestes orzamentos dirixidas á creación de emprego, así como tamén a baixa contía destinada a investimentos, apenas un millón de euros dos 10 ós que ascende o documento orzamentario. Para paliar algunhas destas eivas o PP pretende aumentar este capítulo en 500 mil euros máis, a través da redución de dúas partidas, a destinada ó pago da primeira anualidade destinada á adquisición do edificio do antigo casino e a referida á redacción de proxectos por parte de gabinetes externos. Eses 500 mil euros que se engadirían ó capítulo de investimentos, posibilitarían poder aumentar as partidas destinadas a subvencións de asociación e colectivos locais, realizar a redacción dun estudo económico e de viabilidade do tan ansiado paqruing de Rosalía de Castro ou para a adquisición dos terreos necesarios para a construción dunha gardería municipal. Dúas actuacións, estas últimas, de especial prioridade, segundo os populares, para Noia.