Conclúe a rehabilitación dos muíños de Pontebarbanza

    POBRA> Serán abertos proximamente ó público tras rematar as obras que se levan sucedendo desde o ano 2012. Nesta útima fase investíronse case 40.000€ con cargo ás arcas municipais.

    Se nos achegamos a Pontebarbanza poderemos coñecer de primeira man o funcionamento dos antigos muíños e mergullarnos dentro da historia da Pobra do Caramiñal, unha vila na que estas construcións tiveron gran relevancia no século pasado. O alcalde, Isaac Maceiras, mostrouse orgulloso de rescatar parte desta historia tras dous anos de traballo. Para facer realidade este proxecto, investíronse preto de 170.000€ na compra da construción e nas dúas fases de rehabilitación. A primeira delas tiña o obxectivo de conseguir a restauración da estrutura. Na segunda fase acondicionáronse dous espazos, un deles servirá como museo no cal se explicará o funcionamento dos muíños e no outro poderemos contemplar un muíño en funcionamento. Esta obra recupera un activo patrimonial importante do concello da Pobra do Caramiñal que espera ser visitado por cantidade de escolares de centros do Barbanza. O actual goberno quere converter este espazo nun reclamo cultural para grandes e pequenos.