O BNG esixe a retirada da orde de usos das zonas insulares que afecta a Rúa e Areoso

RIBEIRA>O BNG esixe á Xunta a retirada da orde de usos de espazos insulares. O regulamento, que vén de concluír a fase de exposición pública, restrinxe o acceso ó illote de Areoso e prohibe a pesca recreativa e o acceso á Illa de Rúa, Guidoiros e Pedregoso.

Os nacionalistas presentaron unha serie de alegacións solicitando a retirada deste documento que, din, limítase a prohibir en lugar de regular os usos destes illotes de gran valor patrimonial e ambiental en consenso con tódolos axentes implicados.

Ademais de falto de rigor consideran que o regulamento está incompleto posto que non aclara a quen compete controlar os accesos ou expedir os permisos necesarios.

Presentarán unha batería de iniciativas tanto nos concellos afectados como no Parlamento para conseguir que se retire o documento e se elaboren os informes científicos e socioeconómicos que permitan aplicar as restricións de acceso e usos acorde ás peculiaridades de cada un destes espazos.

Propoñen ademais que non se prohiban actividades tales como as regatas de vela, remo ou a travesía a nado por ser todas elas sostibles e compatibles coa conservación destes espazos insulares.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí