Incautan máis de cinco toneladas de xarda agochadas nas bodegas dun arrastreiro en Muros

MUROS> O Servizo Marítimo da Garda Civil informou da denuncia a un arrastreiro muradán. Ó parecer o buque transportaba máis de cinco toneladas de xarda ilegal ocultas detrás dunha falsa parede na bodega do barco.

As imaxes que vén foron tomadas polos propios axentes do Servizo Marítimo da Garda Civil na Coruña. Nun control efectuado a un arrastreiro atopáronse algo máis de cinco toneladas de xarda sen declarar.

Estaban agochadas na zona da bodega do barco, detrás dunha falsa parede que non aparecía reflectida na propia documentación do buque. Nela a Garda Civil atopou unhas 328 caixas de plástico repletas de xarda, cun peso superior ás cinco toneladas, e que non figuraban no diario electrónico da embarcación.

Por esta razón os axentes do Instituto Armado procederon ó levantamento das correspondentes actas de denuncia por unha suposta infracción da normativa de navegación marítima, ó non ter actualizados o libro de estabilidade nin os planos da embarcación, así como tamén  contra a normativa vixente en materia de pesca, por ter realizado unha infradeclaración de máis dun 100% das capturas, pois na realidade só estaba reflectido a metade do peixe que levaba a bordo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí