Catoira vive un dos desembarcos vikingos máis multitudinarios

    CATOIRA> E tamén houbo viño, pero desta volta tinto e do que tingue a roupa e todo canto atopa ó seu paso, houbo tamén onte en Catoira. O desembarco vikingo congregou a máis de 50.000 persoas no entorno das Torres do Oeste para presenciar a escenificación da invasión dos bárbaros que nunca deixa a ninguén indiferente.

    O desembarco vikingo de Catoira de onte foi un dos máis concorridos dos últimos tempos:a organización calcula que a afluencia desta edición número 54 puido ser de máis de 50.000 persoas, que non se quixeron perder esta escenificación nas Torres do Oeste do que fora a invasión dos bárbaros noutrora. Pasada a media mañá, dous galeóns e os drakkar Torres do Oeste e Frederikssund tripulados polos vikingos nórdicos recalaban debaixo da Ponte de Catoira. Aquí comezou unha cruenta batalla entre os locais e os bárbaros; que, implorando a súa deusa Úrsula, foron gañando terreo ata conquistar as prezadas Torres do Oeste, como di a tradición que fixeran noutrora. O viño tinto escenificaba a sangue que inevitablemente rebrotaría nunha contenda deste tipo; e tamén neste caso non faltaba nin por fora nin por dentro. A ámbolos dous lados do río estaban milleiros de persoas das catro provincias galegas e da diáspora; posto que era doado encontrarse entre os festeiros cidadáns chegados de Reino Unido, Dinamarca, Portugal e Francia. Non en van, esta festa ten o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional, e é unha das máis representativas do folklore galego no exterior. Nas augas do Ulla tamén houbo multitude de embarcacións de recreo que para algúns dos presentes obstaculizaban e deslucían o propio acto do desembarco. Unha chegada a porto dos nórdicos que este ano contaba cunha paisaxe diferente: a das vías da Alta Velocidade que contrastaban a máis non poder con estes tradicionais festexos. Trala invasión, todos tan amigos, compartindo xantar con productos típicos galegos; como en calquera festa galega que se prece. Se lles queda ganas de ver máis desta festa, saiban que lles ofreceremos unha amplísima reportaxe o venres día oito, ás doce menos cuarto da noite, no programa de Festa en Festa, desta casa.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/04/festa_vikinga.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/08agosto/04/festa_vikinga_catoira.mp4 {/flowplayer}