NOIA> A campaña marisqueira de Noia superou os 17 millóns de euros de facturación. Pecha así un dos mellores exercicios da historia da confraría que traballa xa na preparación dos bancos para a vindeira campaña.
A irrupción da toxina e a mala evolución da pandemia non facían presaxiar unha campaña moi boa en Noia. Sen embargo, non se cumpriron os malos augurios e finalmente a confraría pechou o exercicio cunha facturación de 17, 2 millóns de euros.
Foi un acerto prolongar a campaña ata a Semana Santa posto que o aumento da demanda para estas datas incrementou notablemente o prezo do marisco.
Agora pechadas xa as autorizacións a confraría iniciará os traballos de retirada de depredadores, limpeza e sementeira coa vista posta xa na vindeira campaña que se presenta moi optimista dada a abundancia de cría tanto de ameixa como de berberecho.