Cultura destina corenta mil euros a subvencionar iniciativas de carácter afeccionado

GALICIA> A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribuirá este ano á celebración dun total de 19 festivais, mostras, ciclos e certames escénicos e musicais de carácter afeccionado. A partir da posta en marcha desta liña de axudas en 2013, Cultura e Educación enmarca nunha convocatoria pública, regular e sistematizada, a súa colaboración e o seu recoñecemento ao importante labor de fomento e de creación de públicos que se realiza desde o ámbito amateur. Xa no terreo profesional, a Agadic resolveu o pasado mes de agosto a súa convocatoria de axudas a festivas profesionais de escena e de música, mediante a que este ano distribuíu un total de 360.000 euros entre 26 eventos. Das 19 citas de carácter afeccionado beneficiarias da convocatoria de 2014, nove encádranse na categoría de música e oito corresponden a festivais e mostras de teatro, danza e maxia, mentres que as dúas restantes combinan estas diferentes manifestacións artísticas na súa programación. Neste último caso sitúanse o encontro De Perto-Espazos de Cultura no Barco, subvencionado con 2.518,60 euros, mailo Concurso de Música e Baile Tradicional que a Asociación Cultural Xacarandaina organiza na Coruña e que este ano recibe 1.903,09 euros a través destas axudas. En canto á modalidade de festivais musicais, a Consellería apoia eventos históricos ou xa consolidados no panorama da cultura de base en Galicia. Así, os nove adxudicatarios neste apartado son o Festival da Canción do Grove , as Noites Rock de Cambre , o XXI Festival de Bandas de Música de Silleda, o XIX Ciclo de Concertos da Asociación Galega de Compositores na Coruña , o XXI Festival de Bandas de Música de Galicia en Vila de Cruces, o XXI Revoltallo de Valadares en Vigo, o XXV Ciclo de Órgano e Música Antiga de Xunqueira de Ambía , o Festival Ameixa Rock de Carril en Vilagarcía de Arousa e o XIII Certame da Canción Mariñeira de Laxe Por último, dentro do ámbito escénico subvenciónanse a XXIV Mostra de Teatro Popular Maruxa Villanueva de Chantada , a III Mostra de Teatro Afeccionado do Teatro Colón na Coruña , a XV Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei , o XXVIII Festival Internacional de Danza da Asociación Falcatrueiros en Monterroso , o XII Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán que organizou en Santiago a Federación Galega de Teatro Afeccionado, o Encontro Internacional de Maxia de Redondela , Teatrofilia-XI Mostra de Teatro Amador de Vedra e a XV Mostra de Teatro Universitario de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela.