Rueda na sesión de investidura: ‘Non son nin pretendo ser Feijóo’

GALICIA> Hoxe comezou o pleno de investidura do que será o primeiro presidente da Xunta con orixe pontevedresa. Alfonso Rueda anunciou unha baixada de impostos para o 2023 e a incorporación de tres novas vacinas infantís. Pediu o apoio do Parlamento facendo gala de experiencia e responsabilidade. Concluíu o seu discurso amosando a súa intención de amplia-lo legado dos anteriores cinco presidentes autonómicos, proclamando que muda o camiñante, pero que o camiño continúa.

Alfonso Rueda pronunciou hoxe o seu primeiro discurso de investidura no Parlamento Galego co compromiso de dar continuidade ás políticas do PP dos últimos trece anos. Na súa intervención, o candidato marcou como unha prioridade o emprego, a formación e a vivenda para a mocidade. Ademais, anunciou unha baixada do IRPF o ano que vén para as rendas máis baixas.

O sucesor de Feijóo avaliou a xestión dos populares durante a pandemia e tamén o estado da sanidade, destacando que hai 6.000 sanitarios máis ca no 2008. Dixo que quere culmina-la reforma da atención primaria. E avanzou que Galicia vai incorporar, de balde, tres novas vacinas ao calendario infantil: a da meninxite B, a do virus do papiloma humano para nenos e a antigripal tetravalente.

O candidato popular pediu o apoio da Cámara Galega facendo gala de ‘experiencia e responsabilidade’. Amosou a súa intención de amplia-lo legado dos cinco anteriores presidentes.

Logo de 13 anos como número 2 de Feijóo, o pontevedrés di chegar a este momento coa intención de marcar un estilo propio, a prol dunha Galicia de triple identidade -galega, española e europea- e na que antempoña sempre, dixo, ‘os intereses xerais dos galegos’.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí