Ribeira escenario dun exercicio de busca de superviventes de accidente aéreo

    RIBEIRA> O operativo, que se desenvolveu no peirao da localidade, estaba organizado polo Exército do Aire e nel tomaron parte numerosos medios, tanto aéreos coma marítimos. Numerosos curiosos achegáronse ata o peirao comercial para seguir de preto e mesmo fotografar o exercicio de busca de superviventes de accidentes aéreos no mar realizado polo Exército do Aire. A presenza de numerosos medios, fundamentalmente aéreos, con dous avións e catro helicópteros, provocou unha certa alarma na cidade, sendo moitas as persoas que mesmo chegaron a pensar que algo grave acontecera. Lonxe da realidade, o operativo iniciouse despois de comprobar como unha aeronave con pasaxeiros desaparecera das pantallas do radar mentres sobrevoaba o océano Atlántico. Unha vez localizada o aparato sinistrado, procedeuse ó rescate fronte ó peirao comercial, dos supostos superviventes. Así embarcacións e helicópteros de salvamento rescataron a figurantes da Cruz Vermella que foron trasladados ó propio porto ribeirense ou ó Aeródromo Militar de Santiago, no caso dos evacuados en helicóptero. O obxectivo do exercicio non era outro que tratar de integrar os medios de busca marítimos e aéreos de diferentes organizacións baixo a dirección dun único centro coordinador, neste caso o Centro de Salvamento Aéreo de Madrid, pertencente ó Exército do Aire. No operativo tomaron parte dous avións, catro helicópteros e catro embarcacións do propio Exército do Aire, da Armada, da Garda Civil e do Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén se practicaron os protocolos de activación e intercambio de información entre as diferentes entidades que interviron neste exercicio, contándose coa participación do Centro de Emerxencias 112 o 061 do SERGAS.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí