PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra vai a inventariar tódalas súas propiedades e activos grazas ás novas tecnoloxías e mediante unha subvención europea. Este é un dos principais acordos do Pleno da Deputación desta mañá no que tamén se trataron estoutros asuntos.
A Deputación de Pontevedra vai a por en marcha o proxecto DepoGap, un inventario de xestión de activos provinciais mediante as novas tecnoloxías. Esta actuación suporá un investimento de 6.9 millóns de euros, achegados nun 70 % por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional. Este inventario permitirá ofrecer datos estatísticos sobre as propiedades provinciais, amais de levar un maior control e coidado dos mesmos. De feito, ata se vai a desenvolver unha aplicación para que os cidadáns poidan avisar de posibles incidencias; e mesmo recibir contestación unha vez que se solventen. Este proxecto tamén inclúe un apartado dedicado á eficiencia enerxética; no que se prevé realizar probas e programas pilotos para reducir o consumo eléctrico en varios inmobles provinciais, nun estadio de deportes municipal e mesmo nos fogares. Neste senso do aforro enerxético, o ente provincial ven de aprobar a prórroga das oficinas de asesoramentos ós consumidores sobre o tema das tarifas e facturas da luz. O ente provincial aprobou tamén o inicio do proceso expropiador da rolda leste de Pontevedra, co que as obras poderían comezar xa a finais deste ano. Outra actuación que apura prazos para a súa apertura en Pontevedra é o restaurante do Museo Provincial. Só falta amoblarlle a cociña. Nesta comparecencia de prensa, o titular da Deputación pontevedresa falou tamén do funcionamento da canceira provincial agora que se cumpre ano e medio da súa posta en marcha. Rafael Louzán salientou a boa marcha deste servicio provincial ó que están adheridos cincuenta municipios da Provincia. Arestora alberga case 600 animais e goza dun elevado número de adopcións. Con todo o seu custe é significativo para as arcas provinciais, supón un gasto anual de 366.000 euros; non así para os Concellos que só pagan corenta céntimos por veciño.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/31/deputacion2.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/31/xunta_goberno_deputacion.mp4{/flowplayer}