Adxudicada a pavimentación e renovación de servizos da rúa da Concha

    RIBEIRA> A xunta de goberno local aprobou a adxudicación dunha nova actuación consistente na renovación de servizos e pavimentación da rúa da Concha e transversal no núcleo de Castiñeiras. A empresa adxudicataria resultou ser Excavaciones Nima, S.L., por un importe de 145.590,85 euros. O prazo de execución son catro meses. Actualmente tanto a rúa da Concha como a rúa transversal contan con pavimentos de formigón nos que se apreza un deterioro significativo en forma de socavóns e disgregacións. Ademais, a rede de abastecemento esta feita en fibrocemento e non hai separativo de augas pluviais e fecais, polo que ambas circulan por un único colector. Para solucionar estas carencias, o proxecto elaborado prevé no que se refire ao abastecemento de auga substituír a tubaxe existente por outra de polietileno de alta densidade con diámetros de 75 milímetros na rúa da Concha e de 50 milímetros na transversal. Ademais, para o saneamento de fecais disporase un colector de PVC liso de 315 milímetros de diámetro que conducirá as augas ata entroncar coa rede existente e, con respecto ás pluviais, instalarase polo centro da calzada colectores de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro e construiranse sumidoiros sifónicos de formigón prefabricado.