Política Social mellorará as instalacións do centro sociocomunitario de Muros

MUROS> A consellería de Política Social investirá uns 180 mil euros na reforma do centro sociocomunitario de Muros. Así o anunciou a titular deste departamento, Fabiola García, durante unha visita ás instalacións. Entre as actuacións a realizar figura a renovación da cuberta do edificio e a substitución das carpinterías exteriores da planta baixa.

Acompañada da alcaldesa, Inés Monteagudo, a conselleira de Política Social, Fabiola García, realizou unha visita ó centro sociocomunitario para coñecer ‘in situ’ as principais deficiencias que presentan as instalacións. Alí anunciou unha partida duns 180 mil euros para a reforma do edificio, destinada á renovación da cuberta e a substitución das carpinterías exteriores da planta baixa, así como á adaptación dos aseos para persoas con mobilidade reducida e a instalación dun novo sistema de calefacción.

A rexedora muradá agradeceu a rápida resposta da Consellería.

Na actualidade o centro, que dá servizo a uns corenta usuarios aproximadamente, coma o resto de instalacións deste tipo en toda Galicia, permanece pechado, debido a actual situación sanitaria derivada da pandemia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí