O BNG ribeirense pide a cancelación do xantar dos maiores

    RIBEIRA> Para os nacionalistas é un exemplo máis de malgasto de diñeiro público con importantes connotacións partidistas. Piden que os cartos destinados á comida se empreguen en algo máis necesario e útil para o conxunto da veciñanza. Para os membros do BNG ribeirense o xantar da terceira idade previsto para este próximo domingo responde a un modelo de política moi habitual do Partido Popular, que busca máis a imaxe e o que dirán, en lugar de resolver as principias necesidades dos veciños do municipio, buscando ademais uns claros fins electoralistas. Por esta razón piden a súa cancelación e que os cartos da comida sexan destinados a outro tipo de fin, como é o caso da creación dun fondo de emerxencia social, ó fomento de políticas de emprego e reactivación económica ou mesmo a axudar ós sectores produtivos de Ribeira, como é a pesca, a pequena industria, o comercio e a hostalería.