Once emendas ós presupostos para paliar o esquecemento do Barbanza

    BARBANZA> Entre as propostas do BNG, que implicarían un investimento total de máis de 22 millóns de euros, destacan medidas de depuración e saneamento na ría de Arousa e de impulso da actividade marisqueira. Ademais das emendas de carácter global, entre as que se atopa o rescate do Servizo de Gardacostas para o ámbito público, o BNG presentará un total de once propostas, por valor de máis de 22 millóns de euros, destinadas a paliar o esquecemento do Goberno Autonómico coa comarca do Barbanza. A máis significativa, cun importe de oito millóns e medio de euros, reclama diversas medidas de depuración e saneamento na Ría, así como tamén de impulso do marisqueo. Outra das súas emendas vai dirixida ó ámbito da creación de emprego, demandando a activación do proxecto de construción do polígono comarcal e o viveiro de empresas de Espiñeira, no concello de Boiro. Destacan tamén os 2,5 millóns de euros para diversas melloras no Hospital e no Centro de Saúde da Pobra ou o millón de euros para a dotación de novos pantaláns no peirao boirense de Cabo de Cruz. Dende a formación frentista reclámanse tamén partidas para a construción da gardería municipal da Pobra e a posta en marcha do centro de día e o proxecto de musealización na casa de Rafael Dieste, estas dúas últimas en Rianxo.