Lantero e a súa plantilla non chegan a un acordo polas diferenzas sobre a folga

    VILAGARCÍA> Lantero marcha pola dignidade horas despois de que se frustrara no último momento un acordo para rematar co conflito. As diferenzas sobre a folga volveron pór fin sen acordo á xuntanza que onte celebraron comité e dirección da empresa. Un encontro no que se falou de solucións como un ERE temporal, prexubilacións ou baixas incentivadas.

    Dende as 10 e media da mañá, comité de empresa e dirección estiveron reunidos en Santiago. Parecía que a solución estaba próxima, pero as diferenzas sobre a folga truncaron ás 8 da tarde o posible final do conflito de Lantero.

    A decisión de non pór fin á folga recibiu hoxe o apoio de toda a plantilla, que non confían na vontade do staff de Lantero.

    Por primeira vez, onte estiveron sobre a mesa solucións como as prexubilacións, as baixas incentivadas ou o ERE temporal, proposto polo comité.

    López tamén valorou o anuncio que onte fixera a Conselleira de Traballo no Parlamento, sobre a apertura dunha acta de infracción por violación do dereito de folga por parte da empresa.

    O campamento que os traballadores teñen montado dende hai 46 días ante a fábrica de Lantero en O Pousadoiro converteuse esta mañá no punto de partida das Marchas da Dignidade que, dende O Salnés, encamiñaranse ata Compostela para participar na concentración que o sábado se celebrará en O Obradoiro.

    O conflito de Lantero volverá buscar unha saída o vindeiro luns ás 4 da tarde en Santiago. A data foi fixada por Benigno Sánchez, que repetirá como mediador neste conflito despois de que empresa aceptara a proposta de mediación da Consellería de Traballo feita polos traballadores.

    Sobre a xuntanza de onte, o voceiro de Lantero, José Antonio Vales, defende que a empresa aceptou a toma de medidas menos traumáticas; a cambio, reclamaban da plantilla a suspensión da folga para, asegurou, conseguir negociar nun ambiente de paz social. Vales insiste en que a dirección irá á xuntanza do vindeiro luns coa mellor predisposición, aínda que advertiu que o tempo corre en contra dun acordo coas medidas propostas onte.

    O director de recursos humanos de Lantero negou que a empresa teña coñecemento da acta de infracción por violación do dereito de folga da que onte falou a conselleira de traballo.

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/11novembro/27/lantero_marcha_pola_dignidade.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/11novembro/27/lantero_marcha_pola_dignidade.mp4{/flowplayer}