O goberno autoriza ó xeito a pescar sardiña

    RIANXO> A flota do xeito poderá volver faenar a partir da próxima semana trala publicación da orde que autoriza ás artes menores á captura da sardiña. Esta boa nova supón un paso adiante para garantir a pervivencia deste arte de pesca, á espera do debate da Comisión Europea sobre a prohibición das artes de enmalle á deriva. A reserva dunha parte de capturas para as artes menores na pesqueira da sardiña posibilitará que a flota galega do xeito volva faenar tras meses parados por mor da orde que tan só autorizaba ó cerco á captura desta especie. Este balón de osíxeno chega nun momento crucial para os xeiteiros que agardan o dictame da comisión europea sobre a prohibición das artes de enmalle á deriva, na que tamén se incluía o xeito. O próximo 21 de xaneiro reunirase a comisión europea de Medio Ambiente para abordar a retirada do xeito deste decreto pero non será ata marzo cando se vote a proposta. A maior parte do sector confía no compromiso adquirido pola administración europea, na súa recente visita a Bruxelas, na que tras escoitar os argumentos en defensa do xeito manifestaron a súa intención de garantir a supervivencia deste arte. Mentres tanto, os xeiteiros suspenderon as mobilizacións xa que confían no compromiso europeo de manter esta arte tradicional, selectiva e sen danos para os caladoiros.