Dous feridos nunha colisión entre dous turismos en Portosín

PORTO DO SON> A colisión entre dous turismos rexistrada á entrada de Portosín saldouse con dous feridos. Os feitos acontecían pasadas as doce da mañá cando o condutor dun BMW que circulaba en dirección a Ribeira perdeu o control do vehículo. O turismo que circulaba tras el, un Ford Orion, non foi quen de esquivalo e acabou batendo contra o coche e impactando finalmente contra un muro. Ata o lugar desprazouse unha ambulancia asistencial que desprazou ós dous feridos ó hospital do Barbanza. O primeiro dos condutores, J.R.M.,de avanzada idade, presentaba dores no pescozo mentres que o mozo que conducía o Ford queixábase de molestias nas costas e nas pernas, onde recibiu a maior parte do impacto. Os efectivos da Policía Local e Protección Civil encargáronse de regular o tráfico ata a retirada dos vehículos que invadían un dos carrís de circulación.