Un estudo da EVEGA investiga a viabilidade de viñedos empalizados no Salnés

RIBADUMIA> A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, situada en Ribadumia, está a investigar a viabilidade de viñedos empalizados, máis ergonómicos que as espaldeiras tradicionais. Esta estrutura preséntase como alternativa aos emparrados clásicos do Salnés, que presentan como principal problema a deriva dos fitosanitarios. Na EVEGA levan xa cinco anos con este proxecto. Para acadar as conclusións definitivas precisan aínda recompilar datos da colleita e a súa calidade durante tres anos máis.

Esta é unha estampa pouco habitual do Salnés pero que, co tempo, podería ser máis común. Na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, situada en Ribadumia, están a investigar a viabilidade destes viñedos empalizados. Un sistema semellante ao das espaldeiras tradicionais, pero con diferenzas importantes.

Este sistema podería presentarse como alternativa ao emparrado clásico do Salnés, co obxectivo de seguir reducindo o impacto da actividade vitivinícola na contorna.

Con ese obxectivo estase a pensar neste método, sen que a produción caia e mesmo se poida chegar a incrementar a calidade da uva.

Este sistema tería outras vantaxes, como mellorar a protección da uva fronte os excesos de insolación, favorecer o equilibrio das varas, minguar a ameza dos fungos, favorecer unha mellor mecanización do solo ou reducir os tempos de vendima. Cuestións que están a analizar na EVEGA dende hai cinco anos, dende que comezaron con este estudo. Por diante aínda quedan outros tres anos ata tirar as conclusións definitivas.

Na subzona do Salnés hai xa disintas parcelas que se están a inspirar neste sistema e onde os técnicos da EVEGA xa recollen datos que confirman que se está logrando o rendemento máximo e unha calidade de uva ideal.