Pouco fútbol no derbi entre o Boiro e o Arousa

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/02/futbolboiroarousa0202151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/02/futbolboiroarousa020215.mp4{/flowplayer} BOIRO> O encontro, que reuniu a numerosos afeccionadas en Barraña, rematou co resultado de un a un. Os numerosos afeccionados que acudiron onte domingo a Barraña presenciaron un partido falto de xogo e tamén de ocasións. O resultado final de un a un foi máis que merecido, atendendo ós méritos realizados polos dous equipos. O Club Deportivo Boiro comezou dominando o encontro, pero sen crear ocasións claras de gol. A maioría das chegadas boirenses producíanse a balón parado con lanzamentos de Padín ou Pillado que non encontraban rematador. O Arousa pola contra intentábao con balóns longos á espalda da defensa local, para aproveitar, sen éxito, a velocidade de Capelo. Durante a primeira metade o xogo transcorría no mediocampo, con moita brega pero escaso fútbol. Minutos antes do descanso un centro de Santi á área foi rematado por Rivas. O seu disparo foi rexeitado pola defensa local. O arbitro que se atopaba moi preto da xogada interpretou que o tiro golpeara na man, polo que decretou pena máxima. I lanzamento dende os once metros foi convertido por Adrián Camiño que a media altura logrou enganar a Lorenzo. Co resultado de cero a un chegaríase ó descanso. Xa de volta, cun Boiro máis enchufado, foille anulado un gol a Adrián Armental, por posición antirregulamentaria. E cando apenas ían transcorridos uns minutos desa xogada chegou o gol local, que poñía a igualdade no marcador. Un centro á área arousá sen apenas perigo foi introducido na súa portería polo central Juan ó intentar despexalo. Unha acción desafortunada pero que puxo as táboas no marcador. A partir dese momento as ocasións sucedéronse en ambas porterías, aínda que o marcador non se moveu. Unha das máis claras para o Arousa, xa na recta final do encontro, cun remate de cabeza de Nando que foi ó travesaño. O punto sumado en Barraña deixa ó Arousa quinto, na mesma praza que na xornada anterior, con 37 puntos, a tres do Cerceda e Ribadumia que comparten a terceira praza; a catro do Fabril e a nove xa do Pontevedra que é o líder da Terceira con 46 puntos. Pola contra os boirenses seguen antepenúltimos con tan só 24 puntos coa necesidade de ir sumando puntos que o distancien das prazas de descenso directo. Na próxima xornada o Arousa recibirá na Lomba ó Laracha, mentres que o Boiro desprazarase a Redondela para xogar co Choco.