Boiro acollerá o Torneo Panos Brancos contra o Narcotráfico

BOIRO> Boiro acollerá o día 27 a cuarta edición do torneo Intercidades Panos Brancos contra a droga, organizado pola Fundación Galega contra o narcotráfico. Esta iniciativa, na que participarán escolares de toda a Arousa, pretende fomentar os valores deportivos e os estilos de vida saudables como prevención do consumo de drogas. Por cuarto ano consecutivo, a Fundación Galega contra o Narcotráfico organiza o Torneo Panos Brancos que nesta edición recalará en Boiro. O venres día 27, escolares das dúas marxes da ría participarán en dúas competicións: a de fútbol, que se levará a cabo no campo de Vista Alegre e a de baloncesto no pavillón da Cachada. Este encontro deportivo enmárcase no proxecto Panos Brancos que a fundación puxo en marcha xa hai máis de quince anos. Trátase dun proxecto global no que, ademais da loita contra o narcotráfico, preténdese previr condutas de consumo e abuso de drogas. Así, o torneo intercidades é só un paso máis no labor que se desenvolve durante todo o ano en colaboración cos centros educativos, a administración e as forzas de seguridade. Precisamente, o alcalde de Boiro quixo recoñecer o importante traballan que realiza a fundación cubrindo un espazo ó que non chegan as administracións. Dieste resaltou tamén o esforzo realizado no concello que incrementou considerablemente a colaboración con entidades que traballan no eido social en materia de prevención.