‘Veciños de Padrón’: nova alternativa á alcaldía padronesa

    PADRÓN> A formación, que aspira a facerse coa alcaldía, nace a raíz do descontento xeralizado a pé de rúa pola mala xestión municipal que, ó seu xuízo, están a realizar os actuais partidos políticos con responsabilidades de goberno. Pedro, Aroa, Rodrigo ou Sergio, son algún dos nomes das persoas que integran Veciños de Padrón, a nova formación que veu a luz na localidade e que ten como principal obxectivo facerse coa alcaldía nas próximas eleccións municipais a celebrar no mes de maio. A maioría das persoas que integran esta nova formación non teñen experiencia política anterior, pero esta circunstancia, lonxe de ser un handicap, constitúe un dos seus principais pilares, ó seu unha formación independente, que pretende recoller o consenso da rúa, e con el o malestar e o descontento existente pola mala xestión realizada nestes anos polos distintos gobernos que pasaron pola alcaldía. A súa intención pasa fundamentalmente por converter a Padrón nun concello vivo, a través de políticas claras que buscan a transparencia, a proximidade ou a accesibilidade, baseándose ademais no rexeitamento da confrontación, na procura do sentido común na xestión dos recursos do concello. Veciños de Padrón atópase nestes momentos coa confección do que será o seu programa de goberno, de aí que os seus responsables están a manter diferentes reunións con asociacións e entidades de todo tipo, ó londo de todo o ámbito municipal, de cara a recoller as súas inquedanzas e suxestións e poder incorporalas ó seu proxecto. En canto ó posible candidato, e a lista coa que concorrerán ós vindeiros comicios municipais tampouco está pechada, coa finalidade de dala a coñecer durante o acto de presentación de partido que se celebrará en breves datas.