Os veciños da Boliña celebran con éxito a VIII Festa da Orella de Porco

    BOIRO> A cita gastronómica de entroido volveu reunir a ducias de veciños na praza de Revelar. O mal tempo non impediu que ducias de veciños se achegaran esta pasada fin de semana ata Boiro, concretamente ata o lugar da Boliña, onde se desenvolveu a oitava edición da Festa da orella de Revelar, toda unha tradición, e que co paso dos anos está a adquirir un maior protagonismo dentro das festas do entroido no Barbanza. Boa parte do éxito desta festa, radica na propia organización, que corre a cargo dos propios veciños da zona, a través da asociación Río Breiro, que contan coa colaboración do propio concello boirense. Nunha carpa instalada para a ocasión desenvolveuse a degustación dos produtos típicos destas datas como son as orellas, as filloas ou as rosquillas, ademais da tradicional orella de porco. Toda unha variedade de alternativas gastronómicas que fixeron as delicias de todos aqueles que se achegaron a probalas. Ademais da propia degustación, a xornada festiva contou tamén cunha actuación musical a cargo dunha orquestra e un ‘photocall’ de San valentín.